MEIRAOS

Non é doado rastrexar na orixe desta importante aldea do municipio de O Caurel. Chegou a ter máis de 30 casas-vivenda tendo en conta a poboación de O Mazo, agregada administrativamente a Meiraos, ata a década dos anos oitenta do pasado século cando pasou a ser unha entidade de poboación independente. O fío disto; a numeración actual das casas de Meiraos principia co número 3, pois as dúas anteriores son as da poboación do Mazo.

O seu nome disque ten relación coa auga, nada descabelado pois, a historia de Meiraos atópase intimamente relacionada ao control das augas tanto por exceso como por defecto. Nos tres asentamentos que tivo Meiraos, a loita coas augas foi unha constante.

´Meiraos

A súa andaina principiou no poboado castrexo de Rebouta ou de Sto. Estevo, pola capela que albergou a talla actual que hoxe se atopa na vella capela. Co paso do tempo o castro foi abandonado e a aldea trasladou o seu emprazamento a un socairo afeito, ben solleiro, amplo, preto de recursos hídricos, pero; co inconvinte que supón as enchentes que baixaban aba abaixo dende a grande carballeira que se atopa por riba da aldea. As treboadas fortes ameazaban esta aldea e houbo que procurar abeiro noutro lugar. A aldea deixou pegada na toponimia do lugar pois aínda hoxe atopamos o “Souto da Casa do Campo”, e un cacho de parede que proban a existencia deste poboado. Así Meiraos mudou o seu emprazamento outra vez e  estableceuse no lugar  actual para ir  medrando co paso do tempo. No entanto; as catro casas do bico da aldea son as máis antigas e para a súa construción empregouse os entullos da Mina da Fonte Vella; amais diso, tiñan aira individual, algo pouco frecuente no lugar, xa que  todas as demais a que tiñan era comunitaria. A tradición conta que a casa que hoxe atopamos no fondo da aldea, en tempos; foi a cimeira e quedou co nome de “Casa-Nova” Tamén a toponimia concorda e alí mesmo atopamos o souto e  mais os prados de “ A Cimeira” que nos lembran esa primeira vivenda que se construíu xusto por riba das outras.

Torre do Sancho

Neste novo emprazamento as enchentes tamén ameazaban as vivendas, malia os esforzos da veciñanza que tentou desviala dando lugar a uns fondos carriozos que baixan ata o rio, produto daquelas violentas enchentes agravadas pola desaparición daquela frondosa carballeira que foi recuando ata desaparecer por completo cando se empregou a súa madeira para a construción das novas vivendas. Aínda hoxe atopamos trabes de carballo que procedían dese lugar dentro das vivendas actuais.  A devesa morreu e foi convertida en pasteiro para os animais e terras para sementar centeo; co paso do tempo rexurdiu novamente. Nesta carballeira habitaban os osos e así o recollen cantidade inxente de lendas e contos de tradición oral; narracións asentadas en feitos históricos que hoxe xa van desaparecendo con cada un dos nosos maiores que se vai cara as estrelas.

O  novo emprazamento  abasteceuse de auga por medio dun acueduto composto por un rego no chan e canles de madeira,  que perdurou ata ben entrado o s. XX substituído por unha tubaxe metálica que achegou a auga ata unha fonte pública chamada “ A Cañería Vella” construída nos primeiros anos do s. XX.

O documento escrito máis antigo que se coñece da aldea de Meiraos, remóntase ao s. X.  unha escritura do Tumbo do Mosteiro de Samos, datada ó 11 de marzo de 973 segundo a cal Menendo Díaz doa ao Mosteiro de Samos un lugar, preto de S. Xoán nomeado Meiranos.

En canto a poboación de O Mazo non aparece no Catastro do Marqués da Ensenada realizado en 1752, e no Dicionario de Madoz de 1845 xa se cita un martinete de ferro no rio Pequeno. No entanto foi fundado por Francisco Romero en 1813  dato que se coñece grazas a un protocolo notarial do 17 de xaneiro deste mesmo ano, polo cal o fundador acorda co dono do Muiño do Vao non prexudicalo coa construción dunha calzada  no rio para desviar a auga e conducila para a ferrería, como queira que for, o Muiño do Vao desapareceu ben axiña e O Mazo seguiu funcionando unha tempada máis.

Restos do Mazo
Casa do Medio, O Mazo

No Madoz xa se cita a Casa do Mazo, que vén sendo a que hoxe chaman “ do Medio” que segundo os propietarios pertenceu ao operario maior da que eles chaman “ a Fundición” en realidade tratábase de dúas construcións, unha delas albergaba o mazo e a outra a ferrería. No lugar atópase unha terceira que foi minicentral hidroeléctrica ata mediados do s. XX  e que se construíu aproveitando os materiais das outras dúas. Hoxe en día dormen embaixo das silvas e tamén a “Casa da Sabaneta” que se atopaba xusto por riba da grande presa que chaman “ do Banzado” e que nada ten que ver con outra de similares características chamada “ do Val da Ponte”   que cruzaba por un agüeiro ubicado nun piar que sostiña a hoxe desaparecida “Ponte de Sufervenza” e coma no caso da anterior servía para conducir a auga a uns prados de rega e para o funcionamento dun muiño de auga do cal aínda quedan as ruínas. Polo tanto; O Mazo chegou a ter catro casas-vivenda.

Casa da Sabaneta, O Mazo

Tamén aquí houbo grande loita por mor das augas: as treboadas xuntaban moita cantidade pola vella Calella “do Tallo” que comunicaba ambas as dúas poboacións e iso supoñía un risco. Por outra parte, os seus habitantes construirán galerías subterráneas para a traída, pois a “Fonte do Mazo” servía para abastecerse de auga e como lavadoiro, pero non podía chegar  ás vivendas por uns poucos metros de altitude. Aquelas galerías son verdadeiras obras de enxeñeiría que hoxe resultan sorprendentes pola forza investida nelas: A mina da auga aínda hoxe é visible en parte e representa un bo exemplo de tanta loita mantida ao longo do tempo. En varias obras aparece, esta ferrería do Mazo co nome de Ferrería de Vilasibil, a pesar de atoparse no termo de Meiraos, porque  seu fundador era natural de Vilasibil.

Antiga Mini-central Eléctirica, O Mazo

A Igrexa Parroquial de Meiraos atópase nun outeiro entre as aldeas de Meiraos e Vilasibil, posiblemente ergueita aproveitando algún elemento pagano que se atopaba no lugar; pois alí houbo unha grande necrópole que pertenceu ao Castro de Vilasibil . Foi construída en varias etapas ata converterse na de maior tamaño de todo O Caurel. Uns arcos cegos polo lado norte e pola bóveda que da acceso ao templo parecen indicar que puido atoparse no lugar un claustro dun mosteiro. Algo que perdurou no tradición oral. Cómpre salientar   a Casa-Reitoral composta por varias construcións que tamén se abasteceu, en tempos; por medio dun acueduto que deixou a súa pegada na toponimia do lugar, asi atopamos as leiras de  “O Rego” coma no caso de Meiraos onde tamén chaman “Souto do Rego” ao lugar onde desembocaba o acueduto. Nesta reitoral estivo unha notaría e son moitos os documentos datados nos ss. XVIII e XIX que principian “ En la casa rectoral de esta feligresía…” e mesmo no adro da Igrexa. Segundo o Catastro do Marqués da Ensenada as medidas desta reitoral eran: 27 varas de fronte e 14 de fondo. Cómpre salientar que a Vara castelá ou vara de Burgos tiña unha equivalencia de 83, 5905cm. A diferencia da Vara galega que posuía 80cm. Outras construccións anexas servían de dependencias agrícolas e gandeiras, pois eran moitas as cabezas de gando que posuía dadas en réxime de parzaría a varios fegreses da parroquia talmente  como se recolle no Catastro do Marqués da Ensenada realizado en 1752. Estoutras construcións non aparecen neste catastro, agás; outra casa na aldea de Paderne de 16 varas de fronte e 5 de fondo.

Cando a imaxe titular da Parroquia, unha talla da Virxe sedente oca por dentro, onde ao parecer; había outra imaxe de pedra hoxe desaparecida, por atoparse moi  deteriorada decidirán trasladala á Capela de Miraz,  para trocala por outra talla que se atopaba nesa capela. Disque ese día desatouse tal treboada coma nunca endexamais se vira. As aldeas ficaran incomunicadas en varios puntos e a xente interpretouno coma un castigo Divino polo traslado da imaxe. Algúns deses camiños desapareceran para sempre e nunca se puideran arranxar. Para outros o castigo viñera porque como a talla era moi vella tentaran de serrarlle a cabeza, daquela a imaxe verteu pingas de sangue e desatouse a treboada que deixou a terra ferida para sempre, sendo hoxe visible tal desfeita en varios puntos desta parroquia.

Fonte: Xesús Alfonso Parada.