A VELLA CAPELA DE VILLASIBIL

Nas vellas capelas e nas igrexas parroquiais é onde mellor podemos pescudar datos da nosa historia. O que non se escribe pérdese e esvaécese nas brétemas do tempo. No entanto; as pezas tamén desaparecen: unhas van a restaurar e non volven, outras mudan de lugar nas reformas…A veciñanza ben coñece desas faltas mais poucas son as veces que preguntan e cando o fan tampouco atopan respostas. Cando hai fotografías ou algún texto escrito amais da tradición oral, xa non se perden de todo.

No interior desta capela dedicada ao Apóstolo, atópanse tres tallas de madeira: o S. Antón de Pádua a esquerda, o Santiago peregrino no medio e no nicho da dereita outra pequena talla que pode que a veciñanza desta aldea asegura que se trata de S. Bartolomeu ( mais eu diría que se trata da Sta. Bárbara) estas dúas últimas tallas son de menor tamaño e atópanse colocadas sobre un pequeno pedestal para que ocupen todo o nicho, no caso do S. Antón xa non é necesario pois é de maior tamaño. Na parte superior deste sinxelo retábalo atópase un pequeno nicho baleiro que estivo ocupado por unha interesante talla de menor tamaño que semellaba ser metálica ou ben, pintada de cor prata. Moitos din que se trataba da Sta. Bárbara, o paradoiro desta peza é un misterio: disque a levaran a restaurar…Disto xa fai tempo e o seu lugar atópase baleiro. O retábalo atopábase coroado por un interesante disco Solar que representaba a Divindade e que hoxe tampouco se atopa no lugar. No lateral dereito, malia que; máis tarde se colocou a carón do retábalo atopábase un cadro cunha indulxencia con boa caligrafía onde as maiúsculas estaban pintadas en vermello e as demais letras en negro, de semellantes características a outro que se atopaba na igrexa parroquial e que tamén desapareceu nunhas reformas.

Grazas a unha fotografía de José Caruncho tirada en 1989 aínda podemos reproducir o seu contido que transcribo de seguido:

“ E1l11S. Arzobispo de Zaragoza concede 80 días de indulgo a todos los fieles, por cada vez que devotamente rezaren un Padre Nuestro y Avemaría ante la efigie del Apostol Santiago que se venera en la capilla situada en termino de Lugo de Villasevil parroquida de Sta. María de Meirades en el Obispado de Lugo, pidiendo a Dios por la Exaltacion de nuestra Sta. Fe catholica, Estirpación de las heregías Paz y Concordia entre los Principes Christianos, y Conversión de los Pecadores.”

O Santiago peregrino quizais en lembranza da Ruta Xacobea da Orde de Santiago que atravesaba pola aldea de Villasibil polo chamado “Camiño da Misa” sempre foi moi venerado nesta aldea e boa proba vén sendo o seguinte dito popular” Xa vén o S. Antoño cos morodos, i’ o S. Juán cas cereixa i aí vén o Señor Santiago, matando tódalas queixas” En tempos, a imaxe daba a volta á capela en procesión o día da festa, mais deixou de facerse ao estar o camiño en mal estado amais de ser moi estreito.

O que se escribe xa non se perde, quizais as cousas que xa non están nunca endexamais volvan ao seu lugar, porén se cadra aínda se pode evitar que desaparezan outras moitas.

(o meu agradecemento a José Caruncho, fotógrafo e escritor e a Beatriz Camus historiadora, pola súa inestimable axuda)

Texto de Xesús Alfonso Parada