ENCOUTADOS ou CAUTERIZADOS NA MONTAÑA

Os Encoutados ou Cauterizados eran ritos ancestrais que  perduraron ó longo dos séculos , como métodos curativos para gando e persoas. Hoxe non se practican, nin tan sequera aparece nas buscas de internet. Aínda que teña nula base cientifica, compre non esquecer que foron moi usados na Montaña e recordar que forman parte da nosa historia.

ENCOUTADOS DAS COCAS

Un dos encoutados que recollemos foi o que se facía para que non medraran e para que desapacesen as cocas (como se lle chamaban as lombrices intestinais) . Que consistía en recoller unha mostra de cocas e facéndolle unha cruz co pulgar decíase:

«Corto cocas pequenas e grandes, corto cocas nenas e cocas cocadas»

ENCOUTADO DE ROTURAS

En Moreda do Courel , para sanar unha man rota, había que pasala
por onde pasaban a roda do carro e mencionar o seguinte ensalmo:


“ Tanto teña esta man miña,
aberta e desconxuntada,
como esta pedra
ten de mudada”

ENCOUTADO DO FORMIGÓN

Era unha enfermidade que tiñan as vacas nas pezuñas, normalmente  cuarteadas, poñíase a pata nun prado ou pasteiro, logo recortábase o trozo de terrón onde pisara o animal mentres repetían tres veces:

«Formiguín, formigón vaite da pata ó terrón»

Por último había que poñelo a secar boca abaixo. Cando estivese seco completamente, marchábanse os formigóns da vaca.

ENCOUTADO DA COXEIRA

Cando coxeaba un animal asábase un chicho de panceta ó espeto, poñéndolle una espiga cravada na parte fondeira do chicho e así pingaba o chicho na espiga e da espiga caía nas gretas do pezuño do animal. O que lle quitaba a coxeira.

Noutras aldeas como en Meiraos, poñíanselle pelos de animal nas feridas das patas para que non se infectasen.

ENCOUTADO DAS QUEIMADURAS

Cando alguén sufría unha queimadura , levábase a encoutar a alguén que o soubese facer . O proceso consistia en dicir 3 veces:

“O lume non ten frío, a auga non ten sede, a formiga non ten sangue  e o queimado de (nome do encoutado/a) non alargue nin escarve”

Logo había que facer unha cruz enriba da queimadura e rezar un padre nuestro.

ENCOUTAR OS TIRIZÓS DOS OLLOS

Cando se inflamaba á pálpebra e saía un gran moi molesto, pegado as pestanas, recurríase a este encoutado que consistia en coller unha palla de centeo que tivese no. E dicía: Tirizó , tirizó tan grande sexa o tirizó como este nó«, e logo tirabase a palla  ó lume, cuspiase 3 veces e rezabanse 3 padre nuestros.

ENCOUTAR O EMBAZADO

Cando un animal levaba un golpe moi grande e lle inchaba a barriga, pasábaselle o pe desde  o rabo á cabeza dicíando:

“Embaceite e desembaceite e o teu bazo non comerei”

Rematábase rezábanse 3 padre nuestros

ENCOUTAR A RÁ

A rá era unha enfermidade que se collía dun escaravello negro cas patas rubias,  que picaba o gando. O ritual para curalas era:

“Por el campo de Sevilla se pasean tres hermanitas, una hila otra tece la lana. Le dice la más pequeña a la mayor: – Hermanita, que le haremos a este animalito que está mordido de la rana? –Anda dale con un palo de acebo y échala a pacer que dios le dará placer”

ENCOUTADO DA OVELLA

Cando unha ovella se ía para os lados ou torcía a cabeza, fregábase cun xardón polo lombo , un número de veces impar e decíase:

«Rebollín, rebollón, da miña ovella ó xardón«

ENCOUTAR A ENSOLTA

Cando un neno cruzaba moito as pernas, collíase ó neno entre tres mulleres que se chamasen María as tres. Atábanlle os dedos gordos dos pes, un a outro cun fío de seda e poñíanse nun camiño e cando pasaba alguén dicíaselle “Arrieiro que veis con fortuna, córtalle a ensolta a esta criatura”. Esa persoa cortáballe o fío o neno , cunhas tesoiras. E as tres marías levaban o neno a onde houbese unha rebola nova. Unha tíñao no colo,  outra fendía a rebola cun coitelo. Pasaban o neno pola fenda da rebola e entregáballo á outra dicindo ”Eu entrégoo enfermo ”, pasáballo a outra que dicía “Eu recíboo san e salvo” . Logo a que tiña o neno ó primeiro no colo, xuntaban de novo a rebola e atándoa forte, tapándolle con bosta ou barro pola cortadura para que a rebola,  seguise medrando. Por último rezaban un padre nuestro e unha ave maría.

ENCOUTAR AS LILAS

Vexigas que se collían na parte interna da boca. Por exemplo, cando unha nai daba o peito ou cando o neno collía vexigas pa parte interna do labio ou paladar. Para curalos levábanos a unha fonte , xusto ó Solpor e fregándolle cunha moeda de prata  mollada na auga da fonte, tres veces. E repetindo: ”Prata á boca, lilas á fonte e ó ollo do sol ponte”

Outra versión das lilas que nos contan e que levaban á cativada que tivese lilas, á corte dos cochos e se pasaban pola boca un colgante de plata, mollado  en auga e repetindo:

«Cochos e cochas comen eiquí, lilas e mortos vádevos d-eiquí «

ENCAUTADO DAS HERNIAS

Cando alguén tiña  unha hernia, levábase a carón dunha rebola que estivese coa raíz descuberta. A raíz fendíana polo medio e pasaban a persoa  pegada a fendedura, cun ritual similar ó Encoutado da Ensolta. Logo a raíz volvíana atar e recitaban unhas palabras en Latín. Por último colgábase a camisa da persoa encoutada, na galla máis alta da rebola. A persoa encoutada non podía volver nunca a ese lugar, senón a hernia volvíalle saír.

ENCOUTADO DA RABIA

Practicado en Noceda, era un ritual cando mordía un can e se desconfía que puidese ter a rabia. Había que buscar un pau da rabia, (Prunus padus), e poñer follas na mordedura e quentaban “a chave do campanario” no lume. Logo poñían a chave todo o quente que se puidese aguantar, enriba das follas que estaban en forma de emplasto na ferida ó tempo que se recitaba un ensalmo en latín, que se recorta: “Reberendum maravim….(e non se recorda como seguia)”. Fotos da árbore:

 

 

O SEGUINTE ESTUDO FALA DISTO COMO ENSALMOS , EN TODA GALIZA



ENCOUTADOS NAS NOGAIS

 

ENCOUTADO DOS LOMBOIS

https://www.youtube.com/watch?v=b8VyigPPa00&feature=youtu.be

video gravado nos Ancares