Non é doado rastrexar na orixe desta importante aldea do municipio de O Caurel. Chegou a ter máis de 30 casas-vivenda tendo en conta a poboación de O Mazo, agregada administrativamente a Meiraos, ata a década dos anos oitenta do pasado século cando pasou a ser unha entidade de poboación independente. O fío disto; a numeración actual das casas de Meiraos principia co número 3, pois as dúas anteriores son as da poboación do Mazo.
O seu nome disque ten relación coa auga, nada descabelado pois, a historia de Meiraos atópase intimamente relacionada ao control das augas tanto por exceso como por defecto. Nos tres asentamentos que tivo Meiraos, a loita coas augas foi unha constante.

A súa andaina principiou no poboado castrexo de Rebouta ou de Sto. Estevo, pola capela que albergou a talla actual que hoxe se atopa na vella capela. Co paso do tempo o castro foi abandonado e a aldea trasladou o seu emprazamento a un socairo afeito, ben solleiro, amplo, preto de recursos hídricos, pero; co inconvinte que supón as enchentes que baixaban aba abaixo dende a grande carballeira que se atopa por riba da aldea. As treboadas fortes ameazaban esta aldea e houbo que procurar abeiro noutro lugar. A aldea deixou pegada na toponimia do lugar pois aínda hoxe atopamos o “Souto da Casa do Campo”, e un cacho de parede que proban a existencia deste poboado. Así Meiraos mudou o seu emprazamento outra vez e estableceuse no lugar actual para ir medrando co paso do tempo. No entanto; as catro casas do bico da aldea son as máis antigas e para a súa construción empregouse os entullos da Mina da Fonte Vella; amais diso, tiñan aira individual, algo pouco frecuente no lugar, xa que todas as demais a que tiñan era comunitaria. A tradición conta que a casa que hoxe atopamos no fondo da aldea, en tempos; foi a cimeira e quedou co nome de “Casa-Nova” Tamén a toponimia concorda e alí mesmo atopamos o souto e mais os prados de “ A Cimeira” que nos lembran esa primeira vivenda que se construíu xusto por riba das outras.

Neste novo emprazamento as enchentes tamén ameazaban as vivendas, malia os esforzos da veciñanza que tentou desviala dando lugar a uns fondos carriozos que baixan ata o rio, produto daquelas violentas enchentes agravadas pola desaparición daquela frondosa carballeira que foi recuando ata desaparecer por completo cando se empregou a súa madeira para a construción das novas vivendas. Aínda hoxe atopamos trabes de carballo que procedían dese lugar dentro das vivendas actuais. A devesa morreu e foi convertida en pasteiro para os animais e terras para sementar centeo; co paso do tempo rexurdiu novamente. Nesta carballeira habitaban os osos e así o recollen cantidade inxente de lendas e contos de tradición oral; narracións asentadas en feitos históricos que hoxe xa van desaparecendo con cada un dos nosos maiores que se vai cara as estrelas.
O novo emprazamento abasteceuse de auga por medio dun acueduto composto por un rego no chan e canles de madeira, que perdurou ata ben entrado o s. XX substituído por unha tubaxe metálica que achegou a auga ata unha fonte pública chamada “ A Cañería Vella” construída nos primeiros anos do s. XX.
O documento escrito máis antigo que se coñece da aldea de Meiraos, remóntase ao s. X. unha escritura do Tumbo do Mosteiro de Samos, datada ó 11 de marzo de 973 segundo a cal Menendo Díaz doa ao Mosteiro de Samos un lugar, preto de S. Xoán nomeado Meiranos.
En canto a poboación de O Mazo non aparece no Catastro do Marqués da Ensenada realizado en 1752, e no Dicionario de Madoz de 1845 xa se cita un martinete de ferro no rio Pequeno. No entanto foi fundado por Francisco Romero en 1813 dato que se coñece grazas a un protocolo notarial do 17 de xaneiro deste mesmo ano, polo cal o fundador acorda co dono do Muiño do Vao non prexudicalo coa construción dunha calzada no rio para desviar a auga e conducila para a ferrería, como queira que for, o Muiño do Vao desapareceu ben axiña e O Mazo seguiu funcionando unha tempada máis.


Muiño de Vilela en Meiraos



Fonte: Xesús Alfonso Parada.