O CAUREL APORTOU GUERRILLEIROS PARA COMBATER ÓS FRANCESES- (1808-1814)

Oficio da Xunta Superior de Galicia á comisión provincial de Lugo no que lles ordena que convoquen aos xefes das alarmas de Torés, Cebreiro, Courel, Cervantes e Burón para distribuirlles os mil fusís entregados polo coronel Douglas. Ano 1812

Imaxe sacada dos Arquivos do Reino de Galicia http://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?id=1506610

Trátase dun oficio da Xunta Superior de Galicia á Comisión Provincial de Lugo no que se lles ordena que convoquen aos xefes das alarmas de Torés, O Cebreiro, Cervantes, O Courel e Burón para distribuirlles mil fusís entregados polo coronel inglés Douglas. «El caballero Sr Howard Douglas, con la generosidad que le es característica de su nación, acaba de ofecer mil fusiles para repartir entre las alarmas de esa provincia y para con ello ha acordado la Junta General de Galicia se pase las órdenes convenientes a fin de que los jefes de Toré, Zebrero, Courel, Zerbantes y Burón se presenten inmediatamente en esta Plaza a recibir el número que respectivamente les toque, atendida su fuerza y situación topográfica«.

É a única referencia que atopamos sobre as guerrillas improvisadas, da montaña que mermaron o exercito francés. E entre elas tamén caurelás. Buscando máis sobre a guerra na montaña atopamos información dunha paxina de Xabier Moure (http://arqueoloxiadosancares.blogspot.com/2011/01/guerra-da-independencia-na-comarca-dos.html) :

A Guerra da Independencia na comarca dos Ancares

Os sucesos máis relevantes durante a Guerra da Independencia (1808-1814) na comarca dos Ancares producíronse nos primeiros meses do ano 1809. Non imos facer eiquí unha Historia da invasión na comarca xa que polo de agora carecemos da información suficiente para elo, achegando só retallos fornecidos pola escasa documentación e pola tradición e a lenda.   

No mes de decembro de 1808, o mariscal francés Soult persegue dende Astorga ao exército aliado inglés do xeneral Moore e á división española mandada polo marqués de la Romana. No Bierzo, De la Romana sepárase, a retirada dos aliados semella unha fuxida en toda regra. Segundo achega Villaamil y Castro na Crónica de la provincia de Lugo, publicada na Crónica General de España (1886), o inglés Moore proseguiu a súa retirada cara Lugo, mais era tal a desorde, indisciplina e inmoralidade dos seus soldados que ordenou arroxar por un despeñadeiro das Nogais 120.000 pesos que levaba, preferindo isto a repartilos entre a súa tropa; tal era o caos que ata abandonaron as armas e os feridos. 

Dende un primeiro momento, a ineficacia do exército regular (español e inglés) obrigou aos veciños a organizarse para combater, practicamente desarmados, ás poderosas tropas napoleónicas que entraran en Galicia polo Porto de Pedrafita, asolando todo o que atopaban no seu avance. Cando a desbandada dos ingleses, os veciños de Noceda e Doncos (As Nogais) e Becerreá ofrecéronse a Moore para combater ao inimigo.

Pardo de Neyra (1998) reproduce unha carta de Ambrosio de Eiras Ramallal publicada o 30 de agosto de 1809 no periódico Diario que describe algúns acontecementos dos primeiros meses da guerra. Os franceses tiveron que fuxir de Baralla cando os sorprenderon os veciños, abandonando provisións e munición. Escribiu Antonio Correa que unha partida foi abatida no lugar da Pena (Baralla); aos mortos enterráronnos nunha gruta no monte que dende aquela recibe o nome de Furada dos Franceses, episodio que narra Gerardo Fernández López que asegura foi sacado do Libro Probisional de Fábrica da igrexa de Baralla, redactado por Andrés Rivas Pardo, cura vigairo na vacante da parroquia. 

O día 5 de xaneiro do mesmo ano, unha avanzada do exército francés foi obrigada a recuar polos dous canóns que os aliados ingleses situaran xunto a Ponte de Senra; os franceses retiráronse, entón, cara Baralla onde, cóntase, fixeron tres fogueiras no interior da igrexa queimando todo o que de madeira había. Escribe Benito Vicetto na súa Historia de Galicia (1865-1874) que a principios de 1809 xuntáronse uns 5.000 veciños para atacar a cantas columnas francesas pasaran pola zona, interceptando postas, correos e toda clase de noticias, por ben escoltadas que fosen, e para evitar isto os franceses tiveron que poñer un forte destacamento en Sobrado do Picato que axiña foi atacado polos guerrilleiros galegos, arroxando aos soldados ao río Neira. O 25 de febreiro os veciños apostáronse en Constantín (Baralla), á beira do Camiño Real, ocasionando ao exército napoleónico, comandado por Fournier, irmán do gobernador que tiñan en Lugo, moitas baixas, entre elas o mesmo comandante que dirixía o destacamento inimigo. O gobernador, en vinganza, di a carta citada por Pardo de Neyra, queima Campo de Arbol, Prados, Cruzul, Doncos (eiquí queimaron o pazo de Doncos, un edificio neoclásico de mediados do século XIX) e Pedrafita, asasinando enfermos e anciáns.

En Constantín, cando se dirixían cara o Bierzo, fixo noite o valeroso Batallón Literario formado por estudantes da Universidade de Santiago, sendo o grupo máis famoso que actuou durante a Guerra da Independencia, comandado por un militar con experiencia, Xoán Ignacio de Armada Caamaño Ibáñez de Mondragón e Salgado de Soutomaior, marqués de Santa Cruz de Ribadulla. Na biblioteca da Universidade consérvase a súa bandeira, coas cores azul e branca da bandeira de Galicia, e dous escudos, o do antigo Reino de Galicia e o da Universidade cubertos por unha coroa real e a inscrición: Auspice Deo: pro libertati regis palladis legio: anno MDCCCVIII. Na Praza da Quintana compostelá hai unha praca lembrando a súa xesta. O 4 de maio de 1896 foi colocada unha coroa na súa honra nun muro do mosteiro de San Paio de Antealtares, en Santiago.

O 16 de xaneiro, día en que o mariscal francés Soult vencía aos ingleses de Moore na batalla de Elviña (A Coruña), os veciños de Neira de Xusá (Baralla) e das Nogais  emboscáronse nos desfiladeiros de Augas Rubias e Brañas da Serra, atacando aos franceses e inflinxíndolles grandes perdas. Os galegos, animados polos éxitos, atacaron o día 28 de xaneiro a unha partida francesa que descubriran na serra da Albela conducindo prisioeiros ingleses; os cautivos foron liberados e os franceses, que sufriron catro baixas, postos en fuga. Ese mesmo día, outro grupo de veciños puxo en desbandada en Vilarpunteiro a un pelotón napoleónico que se dirixía a saquear Lexo, no municipio de Baralla, apoderándose de dous cabalos e do rancho.

A finais de febreiro de 1809, estando en Doncos unha columna de 430 franceses que escoltaban dende Castela 16.000 pares de zapatos para as súas tropas, foron perseguidos polos galegos ata Baralla, apoderándose de 7.000 pares. No concello de Cervantes, as tropas napoleónicas, chegadas polo Camiño Real ou dos Romanos dende Veiga de Valcarce (O Bierzo), foron atacadas en varias ocasións polas alarmas populares; a difícil orografía do terreo permitíalles facer emboscadas.

Na Pena da Seara, unha pequena aldea da parroquia do Cebreiro, queda unha deshabitada casa de fidalgos que foi queimada polos franceses a mediados de 1809, ardendo tamén os libros sagrados de actas sacramentais da igrexa do Cebreiro, onde foran levados para que as tropas napoleónicas non os destruíran. Deste suceso escribiu un frade do Cebreiro: «Certifico yo el infraescrito cura de Sta. María la Rl. del Cebrero como en el día ventiseis de junio de este presente año de mil ochocientos nueve se quemaron por los franceses en el lugar de Peña Seara y casa de Dn. Santiago Gómez, todos los libros antiguos de Bautizados, Casados y Difuntos de esta parroquia, a cuya casa se habían estrahido con los demás Libros que yo tenía cerrado en dos baules, a fin de librarlo de las manos de estos enemigos de la Religión y genero humano por que no los derrotase, o quemaren, pero hubo desgracia de que vaxaron a quemar aquella casa y juntamente, baules y Libros, sen dar lugar a  librarlos por temor de perder la vida. Puedo certificar como no faltaba por poner, por haber estado doce años en este Priorato, y haber registrado con atención los referidos libros, y para que conste en los sucesibo doy el presente certificado que firmo en el expresado priorato del Cebrero a veinte y nueve de junio de dicho año«. 

Na loita contra os franceses destacaron o veciño da Agüeira (Becerreá), Manuel María Núñez, que o marqués De la Romana confiou o mando dos guerrilleiros, e Ramón de Nadela. 

No ano 2008, José Luis Garfer deu a coñecer un manuscrito inédito que localizou cando anos antes estaba a percorrer Galicia na procura de adiviñanzas tradicionais para o seu libro O adiviñanceiro popular galego (2000). Descubriu que unha das persoas consultadas, Fernando Gabriel Fernández, de Vilar de Ousón (Becerreá), conservaba, entre outros documentos históricos, un que se pode considerar como excepcional. Trátase dun manuscrito que ao longo de 126 páxinas recolle a travesía dun rexemento napoleónico enviado a España entre o 6 de febreiro de 1807 e o 6 de maio de 1808. O seu autor é o xeneral francés Gerard que ofrece o retrato do conflito bélico en diferentes localidades, incluíndo arengas, resolucións, consignas, consellos de guerra e notas oficais sobre as diferentes campañas do exército que transportaba armas a un contixente destacado en Astorga (León). Gerard tivo que instalarse temporalmente en Vilar de Ousón debido á neve. Desta casa era Gabriel Fernández, máis coñecido como O terror dos gabachos. A casa aínda se conserva, se ben xa non existe o espazo subterráneo que utilizaba a familia para agochar a carne aos franceses, e máis tarde aos carlistas; para disimular o escondedoiro despositaban leña por riba da trapela. Non moi lonxe do castro de Vilar de Ousón atópase a Cova dos Mouros; asegúrase que foi utilizada polos guerrilleiros que loitaban contra os franceses.

Na loita contra os franceses, guerrilleiros da comarca, nun número duns 4.000, apoderáronse de gran cantidade de armas, ata o punto, asegúrase, que os desaugues dos fregadoiros de boa parte das casas de Becerreá construíronse con anacos de fusil francés. Segundo a tradición os fusís proceden da ponte de Cruzul, construída cando o Camiño Real no último terzo do século XVIII, onde os napoleónicos os tiñan agochados. Tamén se di que a ponte foi voada para empecer o paso das tropas inimigas, pero non existen probas nin escritas nin arqueolóxicas que o certifiquen.  Na aldea de Cruzul consérvase unha espadana de dous vans á que se accede por medio dunha escaleira de pedra; data, posiblemente, do século XVIII. O motivo que levou aos veciños a erguela na aldea debeuse a que a única campá da igrexa parroquial, afastada do núcleo de poboación, non se escoitaba polo que, en caso de calquera continxencia (unha morte, un incendio, etc.), toda a veciñanza podía enterarse. Cóntase que cando a invasión francesa as súas campás alertaron da chegada dos soldados á ponte de Cruzul.

Na parroquia de A Alence (As Nogais) está a Cova do Pando onde, disque, eran arroxados os soldados do exército napoleónico. Cóntase que só un soldado conseguiu escapar con vida, meténdose por un sumidoiro que dá ao regueiro da Fontela. Unha moza, que estaba a gardar o gando, cando o viu acudiu no seu auxilio, levándoo ata a aldea de Forcas onde os veciños lle curaron as feridas. Mais o seu sino viña marcado, ao día seguinte partiu cara o Hospital da Condesa, en Pedrafita do Cebreiro, onde foi apreixado e logo decapitado.

Durante a guerra, un soldado francés achegouse un día á coñecida como Casa da Corredoira, na aldea de Guilfrei (Becerreá), para que lle deran un vaso de auga para calmar a sede. Cando o home estaba a beber, o dono da casa colleu un rolo e golpeouno na cabeza, causándolle a morte. Dende aquelas, os habitantes da casa cando saen ao campo para traballar teñen que levar canda eles auga para beber debido á sede que lles entra. Tamén se di que cando un dos moradores vai morrer, pouco antes sempre pide auga. 

Entre os anos 1960 e 1980 estivo aberto na vila de Becerreá o bar Chafarotes que tomou o nome polos anchos sabres utilizados polos soldados e que serviron para adornar as paredes do local. Nunhas fotos dos anos setenta do pasado século, durante o entroido, vense uns veciños e unhas veciñas de Becerreá con disfraces da época da Guerra da Independencia e algunhas armas utilizadas durante a contenda.

FONTE: Óscar Carrete