OS GRAVADOS DE ARADOS NAS PORTAS

Na aldea de Meiraos – O Caurel, as vellas portas de madeira dos sequeiros, cabanas e mesmo nalgunhas casas-vivenda, aparecen pragadas de gravados de arados feitos coa punta da navalla a man alzada, cunha precisión abraiante (algo que non acontece noutras aldeas da contorna).

Estes arados son romanos ou “de pau” como lles chaman no Caurel para diferencialos doutros máis traballados que chaman ”de ferro “ ou americanos.

O arado romano ou de pau consta dunha peza de madeira con forma de “2”, cunha punta curva que é “a rabiza” e coa outra algo inclinada que é “o dental”; no extremo vai unha peza metálica para abrir  a terra.  Así atopamos dous tipos: “de rella” e “de palmela”. Os primeiros teñen unha peza cilíndrica de ferro que remata nun afiado punzón; os de palmela levan unha peza de ferro plana e triangular cravada. Encaixada nesta peza vai  o “temón”, un pau longo e groso cuns furados na punta onde vai un pasador de madeira, a “chavela”, para engánchalo ó xugo cunha peza metálica e unhas correas. Entre o dental e o temón vai a “teiroá”, que permite regular a fondura do suco e, a ámbolos dous lados do dental, algúns arados levan dúas pezas de madeira que son as “orellas” para separar a terra.

Cal é o significado destes gravados? Trátase dunha simple manifestación artística nunhas datas nas cales non había papel para plasmala ou ben, ten un carácter máxico ou protector? O arado é un dos máis importantes aveños da labranza, ben podía ser considerado como un símbolo de prosperidade, pois xa no Paleolítico o home primitivo pintaba animais nas covas e abeiros cun probalble carácter máxico porque pensaba que a representación dun obxecto propiciaba a posesión do mesmo.

As representacións máis antigas de arados son as que se atopan nun selo da dinastía III  de Babilonia ou Dinastía Casita que reinou dende o 1570 ata o 1157 a. C. En Exipto tamén se coñecen representacións de arados dende a dinastía IV arredor do 2700 a. C.

Un apeiro que posúe unha longa historia e abriu moitos sucos nas terras do Caurel, malia que o significado deses gravados sexa polo de agora unha descoñecida lagoa na que habería que afondar un pouco máis ata dar cunha posible explicación. Quizais sexan as derradeiras pegadas dunha etapa histórica non moi afastada cronoloxicamente, pero si moi distante noutros aspectos.

Fonte: Xesús Alfonso Parada

Deja una respuesta