OS PETRÓGLIFOS DAS LAXES DA FONTE DE XASTOSO

A vella aldea de Meiraos (Concello de Folgoso do Courel) posúe unha longa historia, vencellada ao control dos recursos hídricos. Disque o topónimo de Meiraos, garda relación coa auga e como queira que fose, esta poboación sempre estivo en loita coas augas, pois a súa xeografía atópase sucada por fondos carriozos que testemuñan ese loita mantida ao longo dos anos. A referencia escrita máis antiga que atopamos, é unha escritura do século X do Tumbo do Mosteiro de  Samos, escrita en latín, onde se cita un lugar preto do rio Lor chamado Meiranos…Pero a historia principiou moito antes no Castro de Rebouta ou de Sto. Estevo, logo cando foi abandonado polos seus habitantes trasladouse o poboado a un socairo solleiro e ben afeito no lugar de “ A Cimeira” que agochaba un  importante perigo ao xuntaren as escorrentías das treboadas que mesmo chegaran a ameazar as vivendas, causa que motivou o traslado da poboación, aba arriba; na procura dun abeiro que ofrecese maior seguridade, establecéndose no lugar actual.

A Fonte de Xastoso é unha curiosa fonte cuberta. A súa orixe pérdese na noite dos tempos, porén cómpre salientar; que na súa construción puideran aproveitar laxes que contiñan petrógrifos procedentes doutros lugares. Estudos recentes testemuñan que os canteiros respectaban as coviñas e outros petrógrifos ( O antropólogo  de Ponte Caldelas Buenaventura Aparicio sostén que en moitos casos, coma o da Laxe do Cervo en Cuñas, -Ponte Caldelas- amosaba as pegadas da cuña do canteiro que no último momento decidiu no executar  o traballo e acabar con esa obra de arte) situado cara o leste, da aldea, a beira do Camiño Real que leva cara a Piñeira. Dende ben antigo foi un punto de encontro para persoas e gando, de xuntanzas, festas, magostos…Verdadeira icona da aldea, tanto pola calidade das súas augas coma polo seu entorno e por suposto, a historia amasada ao longo dos séculos. Trátase dunha grande construción de pedra tipo pizarra, posiblemente traída do veciño Monte de Cousoliños, onde se atopan os restos dun importante poboado castrexo que a día de hoxe, aínda se considera un elemento divisorio que xebra as parroquias de Sta. María de Meiraos e S. Xoán de Seoane,  con tellado de lousa e un groso piar que axuda a soster o tellado, dividindo a entrada en dúas metades. Nese mesmo piar, atópanse dúas laxes incrustadas na parede, onde colocaban apeiros e recipientes. No lado máis oriental atópanse dous ocos que ben poderían ser coviñas ( un deles semella que foi retocado en datas máis recentes) Fóra da fonte, outra laxe de maior tamaño tamén presenta estes ocos labrados, malia que; na actualidade atópase bastante erosionada pois nela colocaban os tecidos do tear para batelos en mollado e  refregalos antes de entraren na fonte.  A acción combinada do xabrón e mais o roce das pesadas sabas e mantas de liño e la foran desgastando a laxe ata deixala moi uniforme, porén non conseguíu borrar outras once posibles coviñas dispostas de xeito enigmático.

As coviñas son pequenos ocos escavados na rocha, xeralmente de xeito circular, que poden atoparse illadas ou mesmo formaren agrupacións, sendo un dos motivos rupestres máis recorrentes en Galicia. A súa cronoloxía abranque, en Europa dende o Paleolítico Medio ata a Idade do Ferro.

En canto a súa funcionalidade hai varias teorías.

1-Colectores para ofrendas.

2- Pías de libacións ou sacrificios.

3-Cartografías de constelacións ou terrestres.

4- Marcadores de espazos sacros ou con alto valor máxico.

5-Taboleiros para xogos.

6- Ligados a cultos litolátricos ou relacionados coa fertilidade.

7- Marcadores de operación prenuméricas.

Petróglifos de descoñecido significado, ou froito dalgún canteiro aburrido que picou na pedra sen decatarse da importancia que podería ter no futuro a súa acción???  Quen sabe! Mais resulta certamente rechamante que sendo un lugar emblemático que acolle numerosas visitas decote, tales gravados pasaran desapercibidos ata o día de hoxe, agardando por un estudo minucioso que poida datar a súa antigüidade e quizais achegar algo máis do seu enigmático significado.

Fonte: Xesús Alfonso Parada.

Deja una respuesta